xoves, 17 de setembro de 2015

RAYMOND DELISLE

Raymond Delisle naceu nunha granxa en Ancteville, Mancha (Francia), o 11 de marzo de 1943. Suicidonse cando tiña 70 anos o 11 de agosto de 2013 en Hébécrevon (Francia).
Comezou a montar en bicicleta nunha de muller ao redor da granxa que era demasiado grande para él, e que pertencía a unha das súas tres irmás.
As súas primeiras intencións era estudar para ser fontaneiro, pero converteuse en axudante de topógrafo, un traballo que lle permitiu ir traballar en bicicleta. Tras unirse ao Club local Periers Sports en 1959,  gañou a súa primeira carreira a tempada seguinte, competindo contra ciclistas de máis idade e máis experimentados.
En 1961 gañou o Campionato nacional  de contrarreloxo por equipos xunto a Jean Jourden, que gañou o Campionato Mundial de fondo en ruta ese mesmo ano.
Durante o servizo militar obrigatorio foi inscrito no cuartel de Joinville onde ían destinados moitos dos mellores deportistas de Francia. O Club AC Boulogne-Billancourt que fornecía de ciclistas ao equipo profesional de Peugeot acolleuno e lévouno a competir.
En 1963, participou na Route de Francia, unha das carreiras por etapas máis grandes e difíciles do país, quedando terceiro. Tras ese resultado é seleccionado polo equipo nacional para participar no Tour do Porvir, carreira na que participaban afeccionados e semiprofesionais. Terminou terceiro detrás de André Zimmerman e Rolf Maurer.
En 1965, recomendado por Désire Letort, director do AC Boulogne-Billancourt, incorpórase ao equipo Peugeot.
Raymond Delisle foi considerado un dos mellores ciclistas franceses da década dos 70. Rodador e escalador agresivo, excelente especialista en carreiras por etapas, sen gañar xamais ningunha. A pesar de ser fiel ao equipo Peugeot (1965-1976), o seu último ano como profesional correuno co Miko-Mercier.
Eddy Merckx temía os seus ataques afastados, xa que polas súas calidades nunca se sabía que presaxios podía traer á carreira, polo que o pelotón de cando en cando permitíalle eses intentos de escapada.
O 14 de xullo de 1969, gañou a décimo sexta etapa do Tour de Francia con final en Luchon, sendo ata a data, o único ciclista francés en gañar unha etapa, o día da Festa Nacional, coa camisola tricolor.
No Tour de 1976, tras unha longa fuga no macizo dos Pireneos, gaña a duodécima etapa con final na estación de Pyrénées 2000, con cinco minutos de vantaxe sobre un grupo de corredores entre os que se atopaban Luís Ocaña, Raymond Poulidor, Lucien Van Impe ou Jop Zoetemelk, vestíndose de líder durante dous días e aspirando a mantelo ata Paris. Pero na 14ª etapa, unha alianza entre Ocaña e Van Impe foi fatal, terminando ese ano na cuarta praza da clasificación xeral.
Retirouse ao final da tempada 1977, comezando a vender bicicletas baixo o seu propio nome. Logo comprouse unha casa señorial do século XVI en Hébécrevon, a cal a dedicaron a hotel, rexentándoa o matrimonio ata a súa morte.
Profesional de 1965 a 1977, durante os cales logrou 45 vitorias, entre as que están dúas vitorias de etapa no Tour de Francia e unha na Volta a España e levar a camisola amarela do Tour durante dous días.
TRIUNFOS: 1969, Campión de Francia de fondo na estrada, vencedor do G. P. Antibes, do G. P. Marsellesa e da Polymultipliee.
1970, vencedor do Puy de Dôme.
1973, vencedor do G. P. Niza.
1975, vencedor da Xénova-Niza, da Monte Chauve e da Dragvignan-Sellans.
1977, vencedor da Polymultipliee.
XIRO DE ITALIA: 1968 (39º).
TOUR DE FRANCIA: En 1965 retírase antes de finalizar a carreira, 1966 (21º), 1967 (26º), 1969 (37º, máis unha etapa), 1970 (11º), 1971 (77º), 1972 (11º), 1973 (11º), 1974 (12º), 1975 (16º), 1976 (4º, máis unha etapa e 1977 (9º).
VOLTA A ESPAÑA: Só participa na edición de 1974, téndose que retirar, pero antes gaña unha etapa.
Outros resultados dignos de mención: 1966, segundo no Tour de Romandía e segundo no Midi Libre. 1967, terceiro na Volta a Luxemburgo . 1968, segundo no Tour de Romandía e 1972, terceiro no Tour de Romandía.
EQUIPOS: 1965-1975, Peugeot-Michelin-BP. 1976, Peugeot-Michelin- Esso. 1977, Miko Mercier Hutchinson.

Ningún comentario:

Publicar un comentario