Óscar Freire Gómez naceu en
Torrelavega, Cantabria (España), o 15 de febreiro de 1976.
Óscar decidiu ser ciclista moi
pronto e con 9 anos xa estaba apuntado á escola de ciclismo da súa localidade.
Aos poucos foi incrementando a súa dedicación a este deporte e comezou a
brillar no campo xuvenil conseguindo 41 vitorias.
Xa en afeccionados, en 1997 imponse
no Memorial Valenciaga, a proba máis prestixiosa do campo afeccionado español.
Meses máis tarde logra o subcampeonato mundial en ruta en San Sebastián e pasa
a profesionais enrolado no equipo Vitalacio de Javier Mínguez.
Debutou como profesional en 1998 no
Vitalicio Seguros. En 2000 foise ao Mapei Quick- Step e en 2003 fichou polo
Rabobank neerlandés, onde estivo ata 2011. O seu último ano, o 2012, pasouno no
Katusha. No seu palmarés ten tres Mundiais de ruta, catro etapas do Tour, unha
camisola da regularidade do Tour, sete etapas da Volta a España, unha Tirreno-
Adriático e tres Milán-San Remo, entre outras vitorias.
Unha das sortes nas que menos se
prodigou o ciclismo español é a do ‘sprint’, se exceptuamos, claro, ao
protagonista deste post, un dos mellores corredores españois da historia
recente. Óscar Freire é, xunto a Alfredo Binda, Eddy Merckx, Rik van
Steenbergen e Peter Sagan, o único ciclista español que gañou tres veces a camisola
arcoiris.
A súa vitoria no Mundial de 1999, en
Verona, foi unha das máis sorprendentes da historia. Levaba apenas un ano de
profesional e mesmo o seleccionador Antequera fora criticado por convocar a un
ciclista tan inexperto, pero en ciclismo a estrada pon a cada un no seu sitio e
cando o grupo dos elixidos encara o último quilómetro o pequeno de catro irmáns
está entre eles.
Todos en fila, vixiantes, ata que
Óscar decide tomar outro camiño; todos pola esquerda, el pola dereita. Quen é
este? Os favoritos, perplexos, tardan en reaccionar, as pernas, sen dúbida, xa
están nas últimas e o listo de Óscar adiantouse e míralles de esguello.
Tras o seu sorprendente triunfo no
Mundial de Verona, non tardaron en chegarlle boas e millonarias ofertas de
equipos; todos estranxeiros, ningún español, polo que fixo que vestise as
camisolas de Mapei, Rabobank e Katusha; con eles construíu un excelente
palmarés, moi recoñecido e valorado fóra das nosas fronteiras.
Na súa primeira presenza no Tour de
Francia do 2002 gañou unha etapa, a terceira, con final en Saarbrücken
(Alemaña).
Gañou tres veces o Mundial, pero subiu
catro veces ao podio, porque en 2000 foi terceiro. Participou en oito Tours:
abandonou en catro e o seu mellor posto foi un 70º en 2008.
Competiu en nove Voltas a España, pero non
acabou ningunha.
Nunca correu o Xiro de Italia.
Óscar Freire retirouse aos 36 anos
de idade, acumulando un total de 78 vitorias no campo profesional. Tomou a
inevitable decisión cando observou que o cansazo psicolóxico era maior que o
físico.
Na actualidade, compite na súa outra
gran paixón: os rallies. Ademais, é comentarista de ciclismo na cadea COPE e na
súa Torrelavega natal conta cun complexo deportivo que leva o seu nome.
TRIUNFOS: 1998, vencedor dunha etapa na Volta a Castela e León.
1999, Campión do Mundo de fondo na
estrada.
2000, vencedor do Trofeo da Challenger
a Mallorca, dunha etapa da Volta á Comunidade de Valencia, de dúas etapas da
Tirreno- Adriático, de dúas etapas da Volta a Aragón, de dúas etapas da Volta a
España, dunha etapa do Xiro da Provincia de Lucca e dunha etapa da Escalada a
Montjuic.
2001, vencedor dunha etapa da Volta
a Alemaña, dunha etapa da Volta a Burgos e Campión do Mundo de fondo na
estrada.
2002, vencedor do Trofeo Cala
Rajada-Cala Millor e Trofeo Alcudia da Challenge Volta a Mallorca e dunha etapa
do Tour de Francia.
2003, vencedor de dúas etapas da
Volta a Andalucía, dunha etapa da Tirreno- Adriático, dunha etapa da Volta a
Cataluña, do Xiro da Provincia de Lucca, máis dúas etapas.
2004, vencedor do Trofeo Alcudia da
Challenger a Mallorca, do Trofeo Luís Puig, dunha etapa da Tirreno- Adriático,
da Milán-San Remo, dunha etapa da Volta a España e Campión do Mundo de fondo na
estrada.
2005, vencedor do Trofeo Mallorca e
do Trofeo Alcudia da Callenger a Mallorca, da Tirreno- Adriático, máis tres
etapas, da Frecha Brabanzona.
2006, vencedor dunha etapa da
Tirreno- Adriático, da Frecha Brabanzona, dunha etapa da Volta ao País Vasco,
dunha etapa da Volta a Suíza, de dúas etapas do Tour de Francia e da Vattnfall
Cyclassics.
2007, vencedor do Trofeo Pollença da
Challenger a Mallorca, da Volta a Andalucía, máis dúas etapas, da Milán-San
Remo, da Frecha Brabanzona, de tres etapas da Volta a España.
2008, vencedor de tres etapas da
Tirreno- Adriático, da Gante- Wevelgem, dunha etapa da Volta a Suíza, dunha
etapa do Tour de Francia, máis a clasificación por puntos e dunha etapa da
Volta a España.
2009, vencedor de dúas etapas do
Circuíto de Romandia.
2010, vencedor do trofeo Cala
Millor-Cala Millor da Challenger de Mallorca, de dúas etapas da Volta a
Andalucía, da Milán-San Remo, de dúas etapas da Volta ao País Vasco, de
París-Tours.
2011, vencedor de dúas etapas da Volta a
Andalucía.
2012, vencedor dunha etapa do Tour
Down Under e de unha etapa da Volta a
Andalucía.
Outros resultados dignos de mención: 1988, terceiro no Campionato
Mundial en Ruta. 2000, terceiro no Campionato do Mundial en Ruta. 2004,
terceiro na Copa do Mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario