xoves, 19 de xullo de 2018

ALESSANDRO BALLAN

Alessandro Ballan alcumado “Bontempino” naceu o 6 de novembro de 1979 en Castelfranco Véneto (Italia).
Foi un ciclista profesional italiano desde o ano 2004, con aspiracións nos últimos anos a gañar calquera clásica de primavera. O seu alcume, Bontempino, é un diminutivo polo parecido que ten con Guido Bontempi. 
Comezou a súa carreira ciclista á idade de 8 anos entre os mozos de UC Giorgione. En 1998 pasa primeiro ao amateur no Zalf-Désirée-Fior, logo no Trevigiani e no Cyber Team; en seis tempadas, catro de menores de 23 anos e dous de elite, acumulou 13 vitorias, incluído o Grand Prix Calvatone, na provincia de Cremona en 2002 e o Trofeo ZSSDEI en 2003. Tamén en 2003 ocupou o terceiro posto no campionato de afeccionados italiano elite.
 Pasou a profesionais en 2004 co equipo Lampre de Giuseppe Saronni, participando nalgunhas carreiras da Copa do Mundo. Na súa primeira tempada, foi gregario de corredores como Romans Vainsteins e Gianluca Bortolami. En 2005 preparouse para as carreiras de primavera gañando unha etapa e quedando segundo na clasificación dos Tres días da Panne. No Circuíto de Flandes conseguiu unha meritoria sexta praza. Ese ano tamén conseguiría gañar unha etapa no Circuíto do Beneloux ou Eneco Tour.
En 2006 preparouse de novo para a primavera e conseguiu o triunfo no Trofeo Laigueglia e a segunda praza no GP Escalda Flandes por detrás Tom Boonen. Tamén conseguiu a terceira praza na clasificación xeral da Tirreno- Adriático. Volveu ter unha actuación destacada no Circuíto de Flandes sendo 5º. Foi terceiro na París-Roubaix. No Tour de Francia buscou gañar algunha etapa pero quedou co mel nos beizos acabando segundo nunha delas.
No 2007 gañou os Tres Días da Panne e conseguiu o que ata entón sería o seu maior logro, gañar o Circuíto de Flandes, conseguiu a vitoria ao sprint por diante do favorito local Leif Hoste de Bélxica. Nesa mesma tempada gañaría a Vattenfall Cyclassics.
En 2008 preparouse de novo para a primavera e aínda que non conseguiu ningunha vitoria, é de destacar a terceira posición conseguida na París-Roubaix. En setembro participou na Volta a España conseguindo unha vitoria na sétima etapa, era unha xornada de montaña na que conseguiu escaparse cun grupo de corredores e ser o máis forte de todos eles no último porto final.
Pero o momento máis importante da súa carreira chegou o 28 de setembro de 2008. Nos Mundiais de Varese, Italia, proclamouse campión do mundo de ruta, tras lanzar un duro ataque a dous quilómetros de meta, co que chegou en solitario á meta para a alegría do público italiano.
En abril de 2010 foi suspendido preventivamente polo seu equipo, o BMC, ao estar implicado nunha investigación antidopaxe por asuntos de dous anos atrás cando militaba na formación do Lampre.
O 20 de decembro de 2012, sufriu unha caída mentres descendía a máis de 50 km/h o valenciano Coll de Rates. A caída produciulle a rotura de varias costelas e dobre fractura na perna esquerda ademais de terlle que extirpar o bazo.
Finalmente o 17 de xaneiro de 2014 saíu a sentenza do CONI, con motivo da investigación que estaban a levar contra el cando militaba no conxunto Lampre. Esta sanción foi de dous anos sen competir e 2.000 € de multa. Debido a isto o seu actual equipo, o BMC Racing puxo fin ao contrato asinado por el.
TRIUNFOS: 2005, vencedor dunha etapa dos Tres días da Panne e dunha etapa do Tour do Benelux.
2006, vencedor do Trofeo Laigueglia.
2007, vencedor do Circuíto de Flandes, dos tres Días da Panne e da Vattenfall Cyclassics.
2008, vencedor dunha etapa da Volta a España.
 2009, vencedor da Volta a Polonia, máis unha etapa.
 2012, vencedor dunha etapa do Eneco Tour.
 Outros resultados dignos de mención: 2005, segundo na clasificación xeral final dos Tres Días de Panne. 2006, segundo no GP Escalda, terceiro na clasificación xeral final da Tirreno-Adriático, terceiro na París-Roubaix e segundo nunha etapa do Tour de Francia. 2008, terceiro na París-Roubaix. 2010, terceiro e medalla de bronce no Campionato de Italia en ruta.
XIRO DE ITALIA: 2012 (103º).
TOUR DE FRANCIA: 2006 (65º), 2007 (87º), 2008 (92º), 2009 92º) e 2010 (85º).
VOLTA A ESPAÑA: 2008 e 2009 abandonou, 2012 (63º).
EQUIPOS: 2004-2009 Lampre. 2010-2014 BMC Racing Team.

Ningún comentario:

Publicar un comentario