xoves, 29 de novembro de 2018

GUSTAVE GARRIGOU

Gustave Garrigou, ao que alcumaban polo seu refinado aspecto “O Dandy”, naceu en Vabres- l´Abbaya, Aveiron (Francia), o 24 de setembro de 1884. Faleceu en Esbly (Francia) aos 78 anos o 28 de xaneiro de 1963.
Foi un ciclista profesional francés dos mellores da súa época, tanto en carreiras dun día como por etapas. Participou en oito Tour de Francia e sempre terminou entre os cinco primeiros, sendo o seu principal mérito a vitoria final en 1911. Das 117 etapas que correu, entrou 96 veces entre os 10 primeiros e 65 entre os 5 primeiros.
Di a lenda que o Tour de Francia de 1911 decidiuse por culpa dun bidón que afundiu as esperanzas do modesto Paul Duboc cando voaba cara á vitoria na etapa reina dos Pireneos. A carreira transformouse entón nunha película de cinema negro. Estendeuse a teoría de que o ciclista fora envelenado e as sospeitas recaeron en Gustave Garrigou, líder da proba nese momento e que soñaba con alcanzar o seu primeiro triunfo no Tour tras estar preto catro anos seguidos.
Nun pelotón formado por xente de orixe humilde, fillos de campesiños, obreiros sen fortuna e raparigos que vían no ciclismo unha remota posibilidade de abandonar a pobreza, a presenza de Gustave Garrigou resultaba algo estraña. Proviña dunha familia que rexentaba varios negocios e os seus modais pouco tiñan que ver cos dos seus compañeiros de profesión. El e os seus nove irmáns gozaban de comodidades que estaban vedadas para a maioría de xente do seu tempo e iso nun mundo como o do ciclismo non pasaba inadvertido.
A súa conduta tampouco lle axudaba a disimular. Non tardaron en alcumarlle o dandy. Daba razóns para iso. Nas edicións que correu do Tour de Francia nunca se presentou na saída sen pasar antes pola barbería. Alí retocábanlle o bigote para que lucise perfectamente aliñado, repasábanlle o flequillo e consentíanlle as uñas que horas despois acabarían negras por culpa do po e a suor. Chegaba á liña de meta feito un pincel, vestido case sempre con jerseis de la de pescozo alto cos que pretendía realzar a súa figura. Non deixaba un cabo solto no relativo á súa presenza. Antes de comezar o Tour enviaba bolsas con roupa nova, branca a poder ser, a todas as cidades nas que se detiña a carreira (a comezos do século XX as etapas disputábase cada dous días e os corredores tiñan un día de descanso entre elas). Non era de estrañar por tanto que Garrigou non fose un tipo excesivamente popular entre o resto de ciclistas, máis habituados a sobrevivir co pouco que tiñan. Para eles, excesos como o do perruqueiro ou os numerosos jerseis de la que lucían eran luxos aos que non podían acceder. O dandy era o máis suave que podían elixir como alcume.
Pero Garrigou era un gran ciclista que se estrelou contra o seu soño de gañar o Tour de Francia. Fora segundo en 1907 e 1909, terceiro en 1910, cuarto en 1908. Nun tempo en que se corría por puntos (algo que estaba preto de desaparecer porque ese sistema cada vez tiña máis detractores), a súa versatilidade era unha das suas grandes armas. Na edición de 1911, con 27 anos ao lombo, xa non quedaban moitas máis ocasións para alcanzar a cima do ciclismo mundial aínda que para iso debía superar aos grandes daquel tempo como Octave Lapize, François Faber, Petit-Breton, Eugene Christophe, Emile Georget, Louis Trousselier ou ao sorprendente Paul Duboc que se convertería no gran animador da carreira e no protagonista dunha accidentada etapa que convertería aquela edición nunha longa noticia de sucesos.
Como outras veces a carreira converteuse nunha proba de eliminación. Garrigou púxose líder tras gañar a primeira etapa que finalizaba en Dunkerque, unha xornada que se cobrou ao primeiro ilustre. Petit-Breton sufriu unha caída e xa non puido regresar á proba. Na terceira etapa é Octave Lapize o que chega desfondado e decide non tomar a saída na seguinte xornada na que xa asomaban os cumes dos Alpes. Garrigou cedera o liderado a Faber aínda que o recuperou rápido. Na descomunal etapa que finalizou en Chamonix (tras ascender por primeira vez o Galibier, ademais do Telegraphe, Aravis e Lautaret) xa estaba de novo á fronte da clasificación. Xorde entón un rival co que non contaba tanto. Paul Duboc imponse na etapas de Perpiñan e Luchon, ascende ao segundo posto da xeral, e transfórmase nunha ameaza real antes de afrontar a etapa reina dos Pireneos no que se encadean as ascensións ao Peyresourde, Aspin, Tourmalet e Aubisque. Duboc, pletórico, non espera. Ataca de longo e márchase en solitario sen que ningún dos seus rivais sexa capaz de achegarse a el. É un corredor en plenitude, consciente de que está ante unha ocasión única. Na cima do Tourmalet chega con oito minutos de vantaxe. Nunha clasificación por puntos, advírtenlle que non faga un gasto extra, que descanse o que poida e coma entre os portos para subir o Aubisque sen abafos. Así o fai. No val polo que serpentea a estrada recolle un bidón e algo de alimento. Na súa mente multiplícanse os cálculos sobre as cinco etapas que restan unha vez coroe o Aubisque. Pero nos primeiros quilómetros da ascensión final empeza a sentirse mal. Se para unha vez, dúas, tres. O seu estómago non acepta nada e entra nunha sucesión de nauseas e vómitos. Duboc esborrállase sobre a estrada, sen forza. Impotente ve pasar aos seus rivais. Brocco vai diante, Garrigou tras el. Alí vanse gran parte das súas ilusións. A duras penas, entre constantes vómitos e cólicos, chega á meta. Baleiro, derrotado.
Entón, os partidarios de Duboc e parte da prensa que segue a carreira lanzan o rumor de que Duboc foi envelenado, que o bidón que lle deron antes de subir o Aubisque é o causante do seu esborralle físico. O ambiente axítase, sinálase mesmo a Lafourcade, un corredor que non participa nesa edición e que é famoso polas súas beberaxes pero sobre todo as miradas vólvense cara a Garrigou. As escasas simpatías que esperta no pelotón e o feito de ser o gran beneficiado do colapso de Duboc convértenlle no sospeitoso perfecto. A situación chega a tal punto que o director do Tour, Desgrange, ponlle escolta persoal e témese de que nalgún punto da estrada alguén decida "vingarse" polo sucedido. Para engadirlle máis picante, o Tour pasa nas últimas etapas por Rouen, localidade natal de Duboc. Un problema moito máis serio. A cidade énchese de panfletos contra Garrigou nas que aparece unha suposta cita de Duboc: "Se non chego a ser envelenado agora mesmo sería o líder do Tour de Francia. Vostedes saben que facer cando o percorrido pase por Rouen".
Desgrange, que tamén recibiu algunha que outra carta ameazante, témese o peor e articula un plan para evitar calquera clase de incidente. Visten a Garrigou cun xersei escuro, cámbianlle de bicicleta, bórranlle o dorsal e ao seu paso por Rouen colócanlle un par de coches preto para que os espectadores apenas poidan darse conta da súa presenza. Mesmo pactan cos ciclistas que aceleren o paso pola cidade e déixense de saúdos e poses. Así conseguen que o líder do Tour atravese un pobo que lle esperaba case en armas e permítenlle chegar enteiro a París para gañar o seu único Tour de Francia. Co bigote ben aliñado e o xersei branco de pescozo alto impoluto.
Tamén a historia di que Gustave Garrigou elixiu un piñón máis grande que os seus adversarios, para pedalear lixeiro e coroar o Tourmalet sen botar pé a terra. Sendo o primeiro en conseguilo e gañar o premio especial de cinco moedas de ouro (100 francos franceses), que o Tour de Francia ofreceu en 1910 como premio especial para o primeiro ciclista capaz de escalar o Tourmalet sen baixarse da bicicleta.
Profesional de 1907 a 1914.
TRIUNFOS: 1907, campión de Francia de fondo na estrada, vencedor da París-Bruxelas, de dúas etapas do Tour de Francia e do Xiro de Lombardia.
1908, vencedor de dúas etapas da Volta a Bélxica e Campión de Francia en ruta.
1909, vencedor dunha etapa do Tour de Francia.
1910, vencedor do Circuíto Brescia e dunha etapa do Tour de Francia.
1911, vencedor da Milán-San Remo e do Tour de Francia, máis dúas etapas.
1913, vencedor dunha etapa do Tour de Francia.
1914, vencedor dunha etapa do Tour de Francia.
Nunca participou no Xiro de Italia nin na Volta a España.
TOUR DE FRANCIA: 1907 (2º, máis dúas etapas), 1908 (4º), 1909 (2º, máis unha etapa), 1910 (3º, máis unha etapa), 1911 (vencedor do Tour de Francia, máis duas etapas). 1912 (3º), 1913 (2º, máis unha etapa) e 1914 (5º).

Outros resultados dignos de mención: 1907 terceiro na Bordeus-París. 1908 segundo na Volta a Bélxica, 1909 segundo na París-Bruxelas, 1911 segundo no Campionato de Francia de fondo na estrada e segundo na Bordeus-París, 1912 segundo na París-Roubaix, terceiro na Bordeus-París e segundo na Milán-San Remo.

EQUIPOS: 1907-1908 Peugeot. 1909-1912 Alcyón. 1913-1914 Peugeot.

Ningún comentario:

Publicar un comentario