xoves, 21 de maio de 2015

GERARD DEBAETS

Gerard Debaets naceu en Heule, Flandes Oriental (Bélxica), o 17 de abril de 1899. Faleceu en North Haledon (Estados Unidos), aos 60 anos o 27 de abril de 1959.
Profesional de 1924 a 1944, durante os cales conquistou dous Tour de Flandes en 1924 e o de 1927 logo de chegar a noite anterior de América e a Paris-Bruxelas de 1925, destacando tamén nas carreiras de Seis Días.
Ciclista belga da década dos anos 20, que procedía dunha saga de ciclistas, os seus irmáns Michel, Cesar, Gaston e Arthur eran xa ciclistas profesionais. Pero Gerard era o talento de raza pura e o máis dotado dos cinco irmáns, sobresaíndo en todo o que facía. Un puro sangue tanto en estrada como en pista. 
No inverno de 1925, visitou ao seu irmán Michel que vivía en Estados Unidos. Tras varios días de vacacións e co fin de recuperar os costos da viaxe decidiu participar nunha carreira de Seis Días. Sen ningunha experiencia neste tipo de carreiras, contra todo pronóstico gañou os Seis Días de Nova York, trasladándose a finais da década dos 20 a Estados Unidos de xeito permanente, converténdose grazas aos seus triunfos na pista no extraordinariamente popular Jerry Debaets. Nacionalizado norteamericano en 1940, participou en 90 carreiras de Seis Días, gañando 17, desas 17, nove gañounas co seu compatriota francés Alfred Letourneur. 

Gerard Debaets tamén participou na Segunda Guerra Mundial como sarxento no Exército dos Estados Unidos.
En 2014 o Tour de Flandes pasou polo municipio de Countrain, rendéndolle unha homenaxe no seu honor ao cumprirse os noventa anos do seu primeiro triunfo nesta carreira e ser o primeiro ciclista en gañalo dúas veces.
Tras obter a licenza profesional, a súa primeira carreira foi o Tour de Flandes que ese ano estivo plagada pola choiva e as baixas temperaturas. Dos 63 ciclistas que participaron, só chegaron á liña de meta na pista de inverno en Gentbruggen 17. Isto non impediu que o recentemente chegado gañase ao sprint, derrotando a René Vermandel, Paul Deman e Jules Van Hevel, os tres últimos gañadores desta carreira.
Esta vitoria non foi unha casualidade, tres anos máis tarde, volvía gañar por segunda vez cunha ampla marxe.
TRIUNFOS: 1924, vencedor do Tour de Flandes.
1925, Campión de Bélxica de fondo en estrada, vencedor da Paris-Bruxelas, do G. P. Brasschaat e dos Seis Días de Nova York con Pierre Goossens.
1926, vencedor da Bruxelas-Paris.
1927, vencedor do Tour de Flandes e dos Seis Días de Detroit con Anthony Beeckman.

1928, Vencedor dos Seis Días de Chicago con Anthony Beeckman e dos Seis Días de Nova York con Franco Giorgetti.
1929, vencedor dos Seis Días de Nova York con Franco Giorgetti.
1930, vencedor dos Seis Días de Chicago con Anthony Beeckman e dos Seis Días de Nova York con Gaetano Belloni.
1933, vencedor dos Seis Días de Montreal con Alfred Letourneur, dos Seis Días de Nova York con Alfred Letourneur e dos Seis Días de Toronto.
1934, vencedor dos Seis Días de Búfalo con Alfred Letourneur, dos Seis Días de Chicago con Alfred Letourneur. Dos seis Días de Detroit con Alfred Letourneur, dos Seis Días de Nova York con Alfred Letourneur e dos Seis Días de Filadelfia con Alfred Letourneur.
1936, Campión de América de Medio Fondo.
Nunca participou no Xiro de Italia nin na Volta a España. 
A única vez que participou no Tour de Francia foi na edición de 1924, abandonando na primeira etapa.
Outros resultados dignos de mención: 1924, cuarto na Volta a Bélxica.
EQUIPOS: 1924-1926 JB Louvet-Wolber-Open Polack. 1927, Alcyon-Dunlop. 1928, JB Louvet. 1929 Alcyon.

Ningún comentario:

Publicar un comentario