xoves, 25 de agosto de 2016

RAFFAELE DI PACO

Raffaele di Paco “xenio e figura”, naceu en Fauglia, Pisa (Italia), o 7 de xuño de 1908. Morreu no seu pobo natal Fauglia (Italia) o 21 de maio de 1996, quince días antes de cumprir os 88 anos.
Foi un dos grandes rodadores-velocistas italianos do período de entreguerras, que como home novo destacaba pola súa velocidade e pola súa sutileza no sprint. O papel dos velocistas de antes era moi diferente e moito máis difícil do que é hoxe en día. Especialista de carreiras por etapas e cazador de etapas tanto no Xiro de Italia (15), como no Tour de Francia (11).
Estamos na era dos pioneiros da bicicleta, das polvorientas rúas cheas de barro e etapas  en ocasións superando os 300 quilómetros.
No Tour de Francia de 1931 durante tres días levou a camisola amarela o mesmo que no Xiro de Italia de 1936, en ambas ocasións gañou cinco etapas.
Durante os últimos anos da súa carreira, no período da Segunda Guerra mundial exiliouse en Arxentina, onde conseguiu algunhas vitorias tras dar espectáculo tanto na estrada como na pista.
Despois da guerra, regresou a Europa e viviu durante moitos anos en París, onde casou cunha francesa de orixe italiana, converténdose no dono dunha fábrica de mobles que dirixía xunto á nai da súa muller. Coa idade sentiu a chamada do seu pobo natal establecéndose nel.
Unha das súas famosas frases era: “Quen queira terminar segundo que se poña á miña roda”.
Di Paco era unha autentica estrela ao sprint. Tiña talento e imaxinación. Entón non había os lanzadores e el sabía que inventarse en cada  sprint, sacando da chistera calquera sorpresa pola súa imaxinación, astucia, potencia e axilidade. O neno de Fauglia recibira como un agasallo da nai natureza todas estas calidades con gran xenerosidade.
O resultado directo desas calidades levoulle á extravagancia, á boa vida, á roupa elegante e ás mulleres fermosas. Guapo, alto e delgado, de fala fluída e amena non lle era difícil deleitar a calquera na súa contorna. As continuas asistencias a locais de alterne onde nunca renunciaba a un cigarro nin a un par de copas de máis leváronlle a ser inconstante no ciclismo, cambiando as carreiras polos elegantes salóns dunha vida caprichosa, sorprendente e impredicible.
O xenio, a imprudencia, certas actuacións excepcionais e inesperadas e a súa vida privada han deixado a impresión do corredor de raza que nunca abandonou a bicicleta. Aos sesenta e cinco anos tomou parte nunha carreira de vellas glorias en Lyon; caeu e rompeu un fémur. Recuperouse ben e seguiu pedaleando ata a idade de oitenta e cinco anos en que se volveu a caer. Esta vez si decidiu colgar a bicicleta.
Profesional de 1929 a 1945, durante os cales conseguiu 53 vitorias.
TRIUNFOS: 1929, vencedor da Milán-Savona, do gran Premio de Treviso, do Circuíto do Piave, da Copa San Vito e dunha etapa no Xiro de Campania.
1930, vencedor da Copa Auricchio e dunha etapa no Xiro de Italia.
1931, vencedor de cinco etapas do Tour de Francia.
1932, vencedor no Xiro da Provincia de Milán, con Alfredo Binda, de catro etapas do Tour de Francia e dunha etapa no  Xiro de Italia.
1934, vencedor da Milán-Ascoli e do  Gran Premio de Brasschaat.
1935, vencedor do Gran Premio de Gévova, de catro etapas no Xiro de Italia e de dous no Tour de Francia.
1936, vencedor da Milán-Mantua, do Gran Premio de Brasschaat, do Circuíto de Selección, do Premio da FCI, do Premio de Lugano, de cinco etapas do Xiro de Italia e dunha etapa no Dervy do Nord.
1937, vencedor de dúas etapas do Xiro de Italia.
1938, vencedor do Gran Premio de Lugano e de tres etapas no Xiro de Italia.
1940, vencedor nos Seis Días de Buenos Aires, con Gottfried Hürtgen.
1941, vencedor da clasificación Xeral Final da Volta a Buenos Aires, máis unha etapa, do Gran Premio de Arxentina e da Dobre Campá.
1942, vencedor nas 24 horas de Santiago de Chile, con Aldo Bertola.
1944, vencedor nos Seis Días de Buenos Aires, con Frans Slaats.
XIRO DE ITALIA: 1929 (22º), 1930 abandonou, 1931 (33º), 1934 abandonou, 1935 (32º), 1936 (41º), 1937 abandonou, 1938 (47º) e 1939 abandonou.
TOUR DE FRANCIA: 1931 (17º), 1932 (33º) e en 1933, 1934 e 1935 abandonou.
Nunca participou na Volta a España.
Outros resultados dignos de mención, 1939, terceiro no Tour de Lombardia.
EQUIPOS: 1929 Independente. 1930-1931 Maino. 1932 Wolsit-Hutchinson. 1933 Legnano. 1934 Branco. 1935-1936 Olympia. 1937-1938 Legnano. 1939 Lucien Michard. 1940 UC Modenese. 1941-1944 Independente. 1945 Nacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario