xoves, 26 de xaneiro de 2017

JAAP EDEN

Jacobus Johannes “Jaap” Eden naceu en Groningen (Holanda) o 19 de outubro de 1873. Faleceu aos 51 anos, pobre e solitario en Haarlem  (Holanda) o 2 de febreiro de 1925.
A Locomotora, primeiro foi un patinador de velocidade sobre xeo e despois ciclista en pista neerlandés.
É o único deportista masculino en conseguir o campionato do mundo en ambas as duas disciplinas.
Foi un campión pertencente á lenda do deporte do seu país e quizais o atleta máis versátil na historia holandesa. Non en balde os premios anuais do deporte en Holanda levan o seu nome.
Foi un gran velocista que tamén foi tres veces campión de patinaxe sobre xeo, velocidade (1894, 1895, 1896). Como amateur, lograra dez campionatos do seu país e dous mundiais (10 quilómetros, 1894, e sprint, 1895).
Jaap Eden foi un talento natural para o deporte. Era un fenómeno sobre patíns que gañou nada menos que tres dos primeiros campionatos de patinaxe de velocidade dos catro mundiais organizados pola Unión Internacional de Patinaxe.
Curiosamente, nunca gañou o título europeo. Pero era porque non lle interesaba. A historia di que perdeu un case seguro título europeo porque preferiu ese día quedar na súa habitación de hotel para pasar algún tempo cunha gran ama de chaves.
Jaap Eden era afeccionado ás mulleres e ao consumo excesivo de alcol. Cando se deu conta de que no ciclismo tamén podería gañar algo de diñeiro, foi correr en bicicleta os meses de verán e non sen éxito. Ademais de dous títulos holandeses, tamén estableceu un récord mundial tras moto máis dous títulos mundiais en dúas disciplinas totalmente diferentes. Con todo, despois de 1896 foise costa abaixo. O agora ciclista de 23 anos de idade, heroe deportivo foise aos Estados Unidos para cambiar a súa reputación por diñeiro en efectivo. Non foi un éxito, en parte debido ao estilo de vida imprudente que seguía levando. Os seus logros foron menores e en 1903 regresou a Europa; pero tamén aquí os fracasos continuaron.  Mentres os seus logros e ingresos foron a menos, os problemas foron a máis e máis, polo que xa ninguén estaba interesado nel, perdendo todo o terreo de outrora e morrendo á idade de 51 anos, pobre e solitario.
 Profesional de 1896 a 1915.
TRIUNFOS: 1896, Récord Mundial 1 quilómetro saída parada: 1´16” 3/5, Campión de Europa de velocidade e vencedor do G. P. de Amsterdam.
1897, vencedor do G. P. de Amsterdam, do G. P. Leipzig e do G. P. de Bruxelas.
1898, vencedor do G. P. de Aachen.

Nunca participou en ningunha das tres grandes Voltas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario