xoves, 7 de abril de 2016

ROGER DE VLAEMINC

ROGER DE VLAEMINCK
Roger de Vlaeminck naceu en Eeklo, Oostvlaanderen (Bélxica), o 24 de agosto de 1947.
Alcumado o “Xitano” ou “Monsieur París-Roubaix”, non daba unha pedalada de máis. Xunto co seu irmán Eric, adoitaban adestrar sobre os raíles do tren.
Foi un dos mellores corredores belgas de todos os tempos que conta cun palmarés propio dos fóra  de serie e, quizais, tan só superado no seu país polo seu compatriota Eddy Merckx, considerado o mellor corredor de todos os tempos.
O “Xitano” como se coñecía no pelotón ao maior dos irmáns De Vlaeminck, tivo a desgraza de coincidir co Monstro Merckx, por iso no seu palmarés non conta con algunhas das prestixiosas clásicas.
As suas patillas tipo xitano convertéronse na súa carta de presentación. Foi o continuador do dominio belga en Vía Roma tras Merckx e a súa mítica Gios coas manetas colocadas nunha posición máis baixa para conseguir unha postura aerodinámica convertíano no clasicómano que aspiraba a gañar un Xiro de Italia, que nunca gañou.
Foi un especialista no sprint, aínda que a súa localización máis correcta era a dun rodador fondista apto para probas curtas de fondo.
Como amateur, foi campión e subcampión do mundo de ciclocrós en 1968 e 1969, e dúas veces campión do seu país na mesma especialidade.
A principios da tempada 1969, fichou polo Fladria e, ademais de numerosas probas dun día, gañou o Campionato do seu país de fondo na estrada e foi segundo na Milán-San Remo. Xa como profesional, volveu ser Campión do Mundo de ciclocrós en 1975 e Campión do seu país noutras tres ocasions.
É un dos tres únicos ciclistas que conseguiu gañar os cinco Monumentos do Ciclismo, xunto aos tamén belgas Eddy Merckx e Rik Van Looy. A única gran carreira dun día que non logrou gañar foi o Campionato do Mundo, obtendo o seu mellor resultado en 1975, ao terminar segundo detrás de Hennie Kuiper. Así mesmo, obtivo postos de honra en numerosas clásicas de alto nivel.
A París-Roubaix foi sen dúbida a súa carreira favorita. Con catro vitorias, é o ciclista que máis veces a gañou xunto ao tamén belga Tom Boonen. Ademais, foi segundo noutras catro ocasions e terceiro noutra.
Non era raro que se lle dese ben esta clásica posto que fora campión do mundo de ciclocrós, polo que se desenvolvía con soltura no pavés, no adoquin e na terra. Foi un clasicómano top na década dos setenta e míticos foron os seus duelos con Merckx e Francesco Moser.
DE VLAEMINCK NO KOPPENBERG DURANTE O
TOUR DE FLANDES
Gañou etapas nas tres Grandes Voltas, brillando sobre todo no Xiro de Italia, onde gañou 22 etapas e a clasificación por puntos en tres ocasions.
Profesional de 1969 a 1987 durante os cales logrou 257 vitorias.
Tras retirase do ciclismo profesional, retirouse ao seu pobo natal, sendo durante varios anos adestrador de equipos de ciclocrós.
Atrás quedaban 18 anos como profesional durante os cales puxera de moda a gorra Brooklyn que ata a loce nunha película Spike Lee. Tamén foi o que deu a voz de alarma ao ver o corpo do seu compañeiro e amigo Jempi Monsere tendido na estrada. O mesmo que vencía na primeira carreira que disputaba como profesional, a Het Volk de 1969. Foi o clasicómano que aspiraba a un Xiro de Italia. O que despois de retirado dicía que Johan Museeuw non lle chegaba á sola dos zapatos. O primeiro que retornou ao ciclismo para custearse un divorcio, como Mario Cipollini e Lance Armstrong. O que varría nas semiclásicas italianas. O seis veces gañador consecutivo da corsa Dei Due Mare. O pesadelo de Eddy Merckx nas clásicas. O oportunista. O sagaz, ao que non había que levar xamais a roda. Ao que se lle escapou o Mundial de Yvoir, por un gran erro da súa carreira deportiva. O que venceu na montañosa Volta a Suíza. O que non respondía xamais os xornalistas en francés, senón en flamenco, porque non lle interesaba o idioma nin Francia. Este foi o “Xitano” nos seus 18 anos como profesional do ciclismo.
TRIUNFOS: 1969 Campión de Bélxica de fondo na estrada, vencedor da Het Volk, da Clásica Baden-Baden e da Bruxelas-Ingooigem.
1970 vencedor da Het Volk, da Lieja-Bastoña-Lieja, da Kuurne-Bruxelas-Kuurne e do Gran Premio Escaut.
1971 vencedor da Frecha Valona, dos Catro Días de Dunkerque, da Kuurne-Bruxelas-Kuurne, da Harelbeke, do Circuíto da Panne, da Hulste-Ingelmunster,  e dos Seis días de Gante con Sereu.
1972, vencedor da París-Roubaix, da Tirreno-Adriático, do Gran Premio Beausoleil, do Gran Premio Camaiore, da Coppa Placci e da Milán-Turín.
1973, vencedor da Milán-San Remo, da Tirreno-Adriático, do Gran Premio de Mónaco, do Xiro de Toscana, da Clásica de Neerheylissem e do Trofeo Matteotti.
1974, Campión de Bélxica de ciclocrós, vencedor da París-Roubaix, do Xiro de Lombardia, da Tirreno-Adriático, da Coppa Placci, da Milán-Turín, do Xiro de Sicilia, do Xiro do Veneto e da Cronostaffeta.
1975, Campión do Mundo e de Bélxica de ciclocrós, , vencedor da París-Roubaix, campión de Zúric, vencedor da Volta a Suíza, máis seis etapas e o Premio da Regularidade, vencedor da Tirreno-Adriático, da Coppa Agostino, do Gran Premio de Ninove, do Gran Premio de Montelupo, do Trofeo Pantalica e do Criterium de Ases.
ROGER DE VLAEMINCK
1976, vencedor do Xiro de Lombardia, da Tirreno-Adriatico, do Xiro de Sardeña, da Coppa Agostino, do Gran Premio de Montelupo, do Xiro de Emilia e da Sassari-Gagliari.
1977, vencedor da París-Roubaix, da Volta a Flandes, da Tirreno-Adriático e do Xiro do Piamonte.
1978, Campión de Bélxica de ciclocrós, vencedor da Milán-San Remo, da Sassari-Gagliari, do Xiro do Friuli e da Clásica de Assenede.
1979, vencedor da Milán-San Remo, do Xiro de Puglias e da Milán-Viñola.
1980, vencedor da Volta a Mallorca, do Trofeo Laigueglia e dos Seis Días de Anveres con Pijnen.
1981, Campión de Bélxica de fondo na estrada, vencedor da París-Bruxelas, do circuíto das rexións e da Frecha Brabanconne.
1982, vencedor dos Seis Días de Anveres  con Sercu.
1984, vencedor do Xiro da Campania, do Criterium de Evergem e do Criterium de Teñen.
XIRO DE ITALIA: 1972 (7º, máis catro etapas e o premio á regularidade), 1973 (11º, máis tres etapas), 1974 (11º, máis unha etapa e o premio á regularidade), 1975 (4º, máis sete etapas e o premio á regularidade), 1976 antes de de abandonar gaña catro etapas, 1978 abandona e en 1979 antes de abandonar gaña tres etapas.
TOUR DE FRANCIA: 1969 (abandoa despois da decima etapa), 1970 (antes de abandoar gaña unha etapa) e en 1971 abandoa.
VOLTA A ESPAÑA: 1984, antes de abandoar gaña unha etapa.
Outros resultados dignos de mención: 1969, segundo na Milán-San Remo e segundo na Gante-Wevelgem. 1970, segundo na París-Roubaix e segundo na París-Tours. 1971, segundo na Gante-Wevelgem. 1973, terceiro no Xiro de Lombardia. 1974, segundo na París-Bruxelas e segundo na Frecha Valona. 1975, terceiro na París-Tours. 1978, segundo na París-Roubaix. 1979, segundo na París-Roubaix e segundo na Gante-Wevelgem. 1981, segundo na París-Roubaix, segundo na Milán-San Remo e segundo na Gante-Wevelgem. 1986 terceiro na París Roubaix.

EQUIPOS: 1969-1971, Flandria. 1972, Dreher. 1973-1977, Brooklin. 1978, Sanson. 1979, GIS. 1980, Boule d´Or-Colnago. 1981-1982, DAF Trucks. 1983, Gios. 1984-1987 GIS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario