Federico Etxabe, alcumado
o “Potro de Gernika”, naceu en
Kortezubi, Biscaia (España), o 20 de xullo de 1960.
Ex ciclista español moi
completo e líder de equipo, era un dos corredores máis regulares do pelotón, xa
que non adoitaba ter altibaixos. Un todoterreo con gran potencia para arrincar
no último quilómetro e desbaratar o traballo dos equipos dos sprinters, chegou
a loitar pola xeral da Volta a España en varios anos en que foi xefe de filas
do CLAS, ata a chegada ao equipo de Tony Rominger.
Profesional de 1981 a
1995, durante os cales conseguiu 41 vitorias.
En categoría Junior obtivo
o título de campión de España na modalidade de contrarreloxo por equipos (xunto
con Jon Koldo Urien, Julián Gorospe e Jon "Tati" Egiarte). Xa en
categoría amateur no mesmo campionato quedou co subcampeonato (xunto con Julián
Gorospe, Jon "Tati" Egiarte e García Carballos).
Era un bo escalador, cuxos
mellores resultados nas Grandes Voltas foron un quinto posto no Xiro de Italia de
1990 e un 4º lugar na Volta a España de 1991, aínda que sen dúbida o seu maior
triunfo foi vencer na etapa de Alpe D´Huez no Tour de Francia de 1987. Tamén
foi o primeiro ciclista español en impoñerse nunha proba da extinta Copa do
Mundo fóra de España, foi en Canadá, no GP das Américas en 1992. Sen ser dos
máis famosos, foi un bo ciclista nos oitenta. Investiu catorce anos da súa vida
que, ademais, déronlle para comprarse unha casa no campo; para ter dúas fillas,
e para montar unha tenda de deportes, da que se ocupan a súa muller e a súa
irmá. Desde que se retirou do ciclismo activo, practicamente non tivo, nin
quixo ter, vida laboral. Non sabe se iso é bo ou é malo, el non se queixa: o
ciclismo deulle un diñeiro que soubo utilizar para vivir, para non estar
pendente dun horario, dunha reforma laboral que lle puidese amolar. Hoxe, a súa
vida é outra cousa e está por encima de todo iso.
O Etxabe de hoxe non se
parece case nada ao ciclista que gañou en Alpe d'Huez. Agora, a súa máxima
responsabilidade é a de plantar leitugas, saír a pescar angulas ou sacar aos
cans de paseo.
Tiven un proxecto
relacionado co ciclismo amateur, pero acabei ata os collóns da xente (palabras
textuais do propio Etxabe). Dábanche hostias por todos os lados. Era desgusto
tras desgusto, algo que non ía coa miña forma de ser e deixeino, porque sempre
souben o que quixen. A min non me move a riqueza. Móveme a vida e tiven a sorte
de gañarme o dereito para vivir sen traballar, a coidar das miñas galiñas ou a
pasar a máquina de céspede pola mañá. A verdade é que, se o penso fríamente,
case sempre estou a facer algo, pero admito que non ten nada que ver coa
tensión dun traballo ou dun ciclista. Eu fun ciclista e era difícil.
Traballabas todo o día. Se pillabas un simple arrefriado, sabías que se che
podía complicar a tempada enteira. Non podías expoñerche a iso. Hai que ser moi
duro para vivir así.
Houbo un tempo no que foi
comentarista de Onda Vasca, pero cando chegaba o momento vía que case nunca lle
apetecía, segundo el mesmo di: son un tipo raro.
Moi afastado da bicicleta, apenas sae xa a
montar. Non sinto esa necesidade. Prefire ir camiñar ao campo e, ademais, dálle
pánico saír á estrada. Morre de medo nada máis ver aos coches, xa que non é
como na súa época, xa non se respecta aos ciclistas. Así que non é de estrañar
que o seu físico tamén fose obxecto dunha enorme metamorfose ao gañar 25
quilos.
TRIUNFOS: 1982, vencedor
do Gran Premio de Caboalles e dunha etapa da Volta a Cantabria.
1983, vencedor do Memorial
R. Iguanzo e dunha etapa da Volta a Asturias.
1984, vencedor da Volta a
Burgos, máis dúas etapas e do Memorial R. Iguanzo.
1985, vencedor do Gran
Premio de Bilbao, do G. P. de Primavera, do G. P. de Gernica, dunha etapa da
Volta a España, dunha etapa da Volta a Asturias, dunha etapa da Volta a
Andalucía, dunha etapa da Volta a Valencia, dunha etapa da Volta a Galicia e do
G. P. de Durango.
1986, vencedor do G. P. de
Gernica, dunha etapa da Volta a Cataluña e do G. P. Primavera.
1987, vencedor do Gran
Premio de Güecho, dunha etapa do Tour de Francia e dunha etapa da Volta a
Asturias.
1988, vencedor do G. P. de
Toledo, da Volta aos Vales Mineiros, da Volta á Rioxa e dunha etapa da Volta a
Asturias.
1989, vencedor da
Bicicleta Eibarresa-Subida a Arrate, da Volta a Castela León e do Criterium de
Navarra.
1990, vencedor da Volta a Galicia e dunha
etapa da Volta a España.
1991, vencedor dunha etapa
da Volta a Valencia.
1992, vencedor do Gran
Premio da Américas e do G. P. Primavera.
1993, vencedor dunha etapa
da Volta ao País Vasco e do Trofeo Calviá da Challenger a Mallorca.
XIRO DE ITALIA: 1990 (5º).
TOUR DE FRANCIA: 1984
(39º), 1986 (38º), 1987 (12º, máis unha etapa), 1988 (25º) e en 1989 abandona.
VOLTA A ESPAÑA: 1982
(29º), 1983 (41º), 1984 (17º), 1985 (33º, máis unha etapa), 1986 (36º), 1987
(17º), 1988 (13º), 1989 (4º) e 1990 (6º, máis unha etapa).
Outros resultados dignos
de mención: 1982, terceiro no Campionato de España de fondo na estrada. 1986,
terceiro na Volta ao País Vasco. 1987, terceiro na Clásica de San Sebastián.
1988, segundo na Volta a Asturias e 1989, segundo na Volta ao País Vasco. 1990,
terceiro no Campionato de España de ciclocrós. 1991, terceiro no Campionato de
España de ciclocrós.
EQUIPOS: 1981 S.V.A.C.,
1982-1986 Teka, 1987-1989 BH, 1990-1993 CLAS-Cajastur e 1994-1995 Mapei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario