Fabrizio Fabbri, coñecido por todos os afeccionados como "Fabbrino" naceu en Ferrucia dei Agliana, Pistoia (Italia), o 28 de setembro de 1948.
Antigo ciclista profesional italiano que se distinguiu como un corredor de gran temperamento, foi un bo gregario ao servizo de campións como Francesco Moser e Felice Gimondi, á vez que conseguiu un aceptable palmarés.
Sendo neno era un apaixonado ao futbol, pero co paso do tempo e despois de montar en bicicleta cos seus amigos deuse conta que ía ben sobre dúas rodas, polo que decidiu aos 17 anos participar nas primeiras carreiras.
Fabrizio Fabbri pasaba ben a media montaña sendo capaz de resistir as grandes distancias con certo ritmo nas subidas. Tamén era bastante rápido contra 10 ou 15 corredores, podendo mesmo gañarlles ao sprint.
Profesional de 1970 a 1979 durante os cales participou en 6 Campionatos do Mundo de fondo na estrada coa camiseta azul da selección italiana, en 8 Xiros de Italia onde logrou tres vitorias, nun Tour de Francia e en dúas Voltas a España.
Tras a súa retirada como ciclista profesional en 1979, mantívose no ciclismo converténdose en director deportivo do equipo Nippo que patrocinaban os xaponeses, a maior parte dos ciclistas tamén eran xaponeses. Este equipo participou en moitas carreiras nos países asiáticos. De 1993 a 2002 dirixiu ao potente Mapei, un equipo que gañou en todo o mundo e que tiña entre as súas filas a Franco Ballerini gañador de dous París-Roubaix, neste equipo permaneceu durante dez tempadas.
Despois dirixiu ao Amica Chips-Knauf suspendido pola U.C.I. a mediados da tempada 2009 por razóns financeiras e no D´Angelo&Antenucci-Nippo.
Durante a súa etapa de director deportivo logra que un mozo chamado Damiano Cunego gañase a Volta ao Lago Qinghai.
Actualmente reside en Quarrata coa súa esposa Loretta e os seus dous fillos, Francesco e Fabio (ex ciclistas tamén), e desde 2011 conduce un programa de deportes de Radio Mana Deporte.
TRIUNFOS: 1971: vencedor do G. P. Tarquinia e do G. P. Belmonte-Piceno.
1972, vencedor dunha etapa do Xiro de Italia.
1973, vencedor do G. P. Prato e dunha etapa da Volta a Suíza.
1974, vencedor do Xiro Puglia e do G. P. Prato.
1975, vencedor dos Tres Vales Varesinos, dunha etapa do Xiro de Italia e do Xiro dos Apeninos.
1976, vencedor dunha etapa do Xiro de Italia.
XIRO DE ITALIA: 1970 (63º), 1971 (28º), 1972 (24º, máis unha etapa), 1973 (39º), 1975 (12º, máis unha etapa), 1976 (13º, máis unha etapa), 1977 (49º) e 1978 (26º).
TOUR DE FRANCIA: 1975 (33º).
VOLTA A ESPAÑA: 1972 abandonou e en 1977 (45º).
EQUIPOS: 1970 Filotex, 1971 Cosatto, 1972 Van Cauter-Magniflex-De Gribaldy, 1973 Magniflex, 1974 Sammontana, 1975-1976 Bianchi-Campagnolo, 1977-1979 Sanson.
Ningún comentario:
Publicar un comentario