xoves, 21 de setembro de 2017

VITO FAVERO

Vito Favero naceu en Sarmede, Treviso (Italia), o 21 de outubro de 1932. Faleceu tras nove meses de loitar contra un cancro de páncreas en Sarmede, Treviso (Italia) aos 81 anos o 16 de maio de 2014.

Foi un ciclista italiano, bo escalador e aceptable velocista. Destacou e se eclipsou rapidamente. Fíxose famoso pola súa actuación no Tour de Francia de 1958 ao terminar a carreira na segunda posición do podio, un posto que sorprendeu a todos. Vestiu a camisola amarela durante seis días, perdéndoa na contrarreloxo  de Dijon do penúltimo día.

Vito comezou a usar a bicicleta para ir traballar de albanel do seu pobo a Conegliano. Aos 19 anos, decidiu participar nunha carreira con esa mesma bici de paseo, tras poñerlle un manillar de carreira e un cambio de velocidades. Quedou en segundo lugar porque a cadea da súa bici soltóuselle na recta final.

Tras ese prometedor inicio seguiu correndo cos afeccionados, destacando nas costas arriba. En 1952 gañou o Tour de Bélvedere, un clásico das carreiras para afeccionados, pasando a profesionais co Bottecchia veneciano en 1956, ese ano o equipo non lle deixa participar no Xiro de Italia, prefire que colla experiencia nas carreiras de segunda categoría.

Ao principio da súa carreira profesional moitas persoas crían que era irmán de Giuseppe Favero, un profesional gregario de Fausto Coppi desde facía algúns anos. Aínda que levaban o mesmo apelido, ningún parentesco vinculaba aos dous.

En 1957 permaneceu no Bottecchia, que se uniu ao Grouse para reforzarse con dous valiosos ciclistas como eran Guido Boni e Guido Carlesi (Coppino). Este ano, Vito si forma parte do equipo que participou no Xiro de Italia, gaña a etapa Pescara-Napoli e termina 22º na clasificación xeral final.

En 1958 co cambio ao equipo Atala-Pirelli sería o seu mellor ano. Este equipo decide por fin montar nas súas bicicletas o cambio Simplex, que acababa de copiar de Campagnolo Gran Sport montando dúas palancas no chasis en lugar dunha soa e o control do desviador no tubo horizontal. Alfredo Binda quixo a Vito no seu equipo para disputarlles o Tour de Francia aos: Anquetil, Bahamontes, Bobet,  Geminiani e Galia.

Nas primeira etapas, Bahamontes entrou en crises e Bobet daba os primeiros signos do comezo do seu declive, Nencini non estaba en boas condicións físicas, Anquetil tampouco brillaba téndose que retirar antes do final. Galia e Geminiani seguían vivos pero raspando o fondo do barril. Vito Favero, no seu primeiro Tour sabía como dobregalos, chegaba pletórico e demostrouno en St. Nazaire chegando segundo na etapa detrás de Darrigade. A xeral quedaba tamén con Vito segundo a poucos segundos do líder Dedec. En Luchon volve quedar en segundo lugar a un par de minutos de Bahamontes, logrando arrebatarlle a camisola amarela que agora vestía Geminiani. Durante catro etapas defendeuna ben e sen apuros ata que no Mont Ventoux viuse obrigado a entregarlla a Geminiani. Unha cesión momentánea ata a etapa de Briançon-Aix les Bains en que volveu á cima da clasificación xeral despois de ser terceiro a dez minutos dun excepcional Galia. Luciu o amarelo dous días máis, pero na penúltima etapa contrarreloxo de 74 quilómetros entre Besançon e Dijon, tivo que renderse ante un xenial Charly Gaul. A clasificación xeral final: Primeiro Gaul, segundo Vito Favero a 3´10 e terceiro Raphael Geminiani a 3´41.

Analizados todos os resultados desta edición do Tour, pódese dicir que esta edición foi algo estraña para Vito por non saber aproveitar as oportunidades nin exporse o querela gañar. Nas etapas chairas Vito esmagara a Gaul en dezaseis minutos e medio, nas de montaña, o despegamento total sufrido por Vito foi só dun minuto e medio, mentres que na contrarreloxo o tempo perdido por Vito foi de dezaoito minutos.

A marabillosa actuación do Tour convence a Alfredo Binda para levar a Vito no equipo azul da selección italiana para a Copa do Mundo en Reims, os outros compañeiros de aventura foron: Baldini, Fausto Coppi, Defilippis, Aldo Moser, Nencini, Pambianco e Alfredo Sabbadin. O papel de Vito consistiu en dúas tarefas: a do defensor e a do director. Ao gran Fausto Coppi gustáballe a compañía de Vito porque falaba pouco. A táctica de Bilda e a dirección de Coppi fixeron que Baldini triunfase, mentres que Vito na súa tarefa de controlar e marcar a todos os rivais máis perigosos lévouno a disputarlle a medalla de bronce a Darrigade, que perdeu por medio tubular. Foi unha mágoa.

En 1959, quedou no Atala á beira de Bruno Monti. Gañou unha etapa no Xiro dei Sardegna, dúas etapas na París-Niza-Roma e o Tour de Genova-Torino. No Tour, Binda fíxoo capitán, xunto ao Campión do Mundo Baldini. Os galóns de capitán fanlle gañar nas ramplas de Namur, aínda que estaba en precarias condicións físicas. Quixo atacar no Tourmalet pero entrou en crise e chegou a meta cun notable atraso. Ao día seguinte, despois dunha noite de febre, viuse obrigado a retirarse. Outros que sufriron crises aterradoras nese Tour foron Louison Bobet e Charly Gaul. Ese Tour foi gañado por Federico Martín Bahamontes, dirixido por Coppi no equipo-manager do Tricofilina-Coppi.

Despois da retirada do Tour de 1959 comezou a rápida parábola descendente de Vito. En 1960, defendendo a camisola do Atala viuse obrigado a retirarse do Xiro. En 1961, aínda coa camisola azul e gris do Atala, retírase do Xiro e do Tour. Antes de finalizar a tempada cambia de aires e firma co Veneto-Torpado que dirixe Nerazzurri. En 1962 e despois de non mellorar no seu rendemento decide con só trinta anos colgar a bicicleta. 

En 2012, en homenaxe aos seus 80 anos os directores de cinema Domenico Iannacone e Igor Francescato dedicáronlle un documental producido por Tiziana Favero. O documental de 70 minutos fala do Vito Favero flamante camisola amarela do Tour, adornado con imaxes da época e con moitos testemuños dos últimos campións como Fausto Coppi, Gino Bartali, Fiorenzo Magni, Ercole Baldini, Gastone Nencini e Charly Gaul.

Profesional de 1956 a 1962.

TRIUNFOS: 1957, vencedor dunha etapa do Xiro de Italia.

1959, vencedor dunha etapa do Xiro de Italia, de dúas etapas da París-Niza, dunha etapa do Xiro de Sardeña  e dunha etapa do Tour de Francia.

XIRO DE ITALIA: 1957 (22ª, máis unha etapa), 1958 (35º), 1959 (20º, máis unha etapa), nas edicións de 1960, 1961 e 1962 abandonou a carreira antes de finalizar.

TOUR DE FRANCIA: 1958 (2º), 1959 antes de retirarse gaña unha etapa e en 1960 abandoa

Nunca participou na Volta a España.

Outros resultados dignos de mención. 1958, terceiro no Xiro de Emilia, 1959 segundo na Sassari-Cagliari e en 1960 segundo no Xiro de Lazio.

EQUIPOS: 1956 Bottecchia-Vitabrill. 1957 Bottecchia-Gripo. 1958-1959 Atala-Pirelli. 1960-1961 Atala e 1962 Torpado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario